CAPÍTULO I. DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO E ÁMBITO
Artigo 1
Coa denominación ASOCIACIÓN CULTURAL TANXEDOIRA constitúese unha entidade ao amparo da Lei Orgánica 1/2002 do 22 de marzo e normas legais complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade para obrar, carecendo totalmente de ánimo de lucro.
Artigo 2
Esta asociación constitúese por tempo indefinido, salvo causa legal ou estatutaria de disolución, levando en funcionamento ininterrompida-mente desde a súa fundación o 26 de xaneiro de 1978, coa anterior denominación de Asociación Parroquial Santa María de Oza, non sendo presentados os seus primeiros estatutos ata o 21 de abril de 1988 ante o Goberno Civil na Coruña, e que posteriormente, o 30 de abril de 2004, pasaría a denominarse ASOCIACIÓN CULTURAL XUVENIL TANXEDOIRA.
Artigo 3
Esta asociación promocionará e organizará toda clase de actividades encamiñadas a un mellor aproveitamento do lecer, buscando alcanzar unha mellora na calidade de vida dos participantes. Concretamente, os fins desta asociación son:
a) A promoción e impulso do desenvolvemento cívico-cultural da contorna social inmediata da veciñanza, da propia cidade da Coruña e da súa bisbarra, para potenciar o crecemento cultural dos cidadáns e cidadás, e por tanto dos veciños e veciñas, fomentando a participación nas actividades da Asociación.
b) Atención preferente á incorporación da mocidade na creación das súas propiasactividades culturais, con especial dedicación á formación e representación musical e teatral. Do mesmo xeito, promoveranse actividades en que interactúen diversas persoas sen que exista discriminación algunha por razón de nacemento, etnia, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
c) A integración de persoas con diversidade funcional participando nas actividades da Asociación para favorecer a súa autonomía e desenvolvemento.
d) A difusión da cultura e do patrimonio galego incluíndo a realización de actividades acomodadas ao calendario das tradicións e festividades culturais.
e) A colaboración con outras asociacións en actividades de axuda social a persoas con diversidade funcional e a persoas en situación/risco de exclusión social.
f) Colaboración con organismos e entidades públicas e privadas, ofrecendo a participación dos grupos artísticos ante colectivos de diversidade funcional.
Artigo 4
A Asociación Cultural Tanxedoira establece o seu domicilio social na cidade da Coruña na rúa Azahar nº 6-8, Piso 1º Esqda., C.P.15008, Barrio das Flores
Artigo 5
O ámbito territorial en que vai realizar principalmente as súas actividades, será o municipio da Coruña, estendéndose, ademais, de ser posible, aos ámbitos autonómico e estatal.