Historia

A pesar de que a Asociación Cultural Tanxedoira naceu o 26 de xaneiro de 1978 ao abeiro da Parroquia de Santa María de Oza, non se constituiría legalmente ata o 30 de abril de 1988. Ocupou os locais parroquiais, dos que axiña saíu para se instalar na Avenida de Monelos nº 75, tras unha breve estancia no local social da Asociación de Veciños Oza-Soto. Debido á obriga de ter que abandoar o seu domicilio da Avenida de Monelos, esta asociación realizou as súas actividades, durante aproximadamente ano e medio, no Centro de Servizos Sociais do Castrillón.

Ata o ano 2004, a Asociación Tanxedoira levaba a cabo as súas actividades no local social situado nos baixos do Mercado de Elviña, na rúa Miguel González Garcés, s/nº. O devandito local foi inaugurado polo Excelentísimo exalcalde don Francisco Vázquez. Durante o derribo do antigo mercado, as actividades pasaron a realizarse no Centro Cívico de Monelos e na actualidade encóntrase no Barrio das Flores, na rúa Azahar 6-8 1º Esquerda.

As actividades da Asociación ofértanse a un total de 111 familias que son socias da entidade, pero tamén van dirixidas a calquera persoa que desexe acudir a elas. Esta Asociación está creada sen ánimo de lucro, polo que ningunha das persoas monitoras recibe prestación algunha por impartir as actividades que levan a cabo. Do mesmo xeito, ningún dos alumnos ten que pagar por asistir a elas.

    Desde o ano da súa legalización, esta entidade creceu en todo os sentidos. Hoxe día, actuamos en toda a provincia da Coruña e para todos os cidadáns e cidadás, sexa cal sexa a súa idade. Para iso dispomos dun grupo entusiasta de persoas que desenvolven unha serie de actividades variadas. Trátase de monitores con idades comprendidas entre os 18 e os 60 años que ofertan actividades como:

    Ademais destas actividades que se desenvolven durante o curso escolar ao longo da semana, existen outras actividades puntuais que se realizan todos os anos por diversos motivos: excursións, exposicións, concursos (poesía, fotografía...), comidas de confraternidade, festivais conmemorativos...

    A Rondalla Tanxedoira e o Coro Tanxedoira son dúas formacións representativas desta entidade, que deixaron fe do seu traballo por toda a xeografía galega, acadando trunfos importantes nos concursos e certames aos que se presentaron. Anteriormente, o extinto grupo de voces brancas Aloumiño e o posterior Coro Xuvenil Tanxedoira presentáronse en repetidas ocasións ao concurso de panxoliñas que organizaba o Concello da Coruña, acadando maioritariamente primeiros premios. A entidade contaba fai anos cun grupo de teatro infantil chamado Carauta, que tamén conseguiu premios nos certames aos que se presentou.

    Nos nosos antigos locais do Mercado de Elviña dábase acollida nos seus ensaios a un grupo de teatro chamado Xiria, que efectúa representacións por toda a provincia. Dita relación continúa na actualidade. Ademais desta colaboración, o Coro e a Rondalla Tanxedoira realizan todos os anos actuacións en varios asilos de anciáns da cidade con motivo das festas do Nadal. Tamén existen vínculos de colaboración entre parroquias de San Xoán Bautista, Santa María de Oza, a Milagrosa, o Barrio das Flores e os grupos musicais e teatrais da nosa Asociación.

    Por outra parte, a Asociación Cultural Tanxedoira potencia o acceso do público á lectura, para o que conta cunha biblioteca que nestes momentos conta con 2000 volumes. Ademais do servizo habitual de préstamos de libros, durante motivos anos esta biblioteca realizou un servizo de préstamo e doazón de libros de texto para nen@s cuxa situación económica non lles permitían mercalos.

    Como novidade dende o curso 93/94 aparece a creación dunha revista mensual informativa (froito da ampliación e mellora do boletín informativo existente con anterioridade), a cal facemos chegar aos socios grazas á cooperación dun grupo de persoas voluntarias. Moitos destes boletíns deben ser repartidos por correo xa que pertencen a zonas que non podemos alcanzar co reparto manual ou electrónico.

    Na actualidade tentamos chegar a un maior número de persoas empregando todos os medios á nosa disposición. Contamos cun correo electrónico (actanxedoira@gmail.com), unha páxina web (www.Tanxedoira.org), dun blog (http://tanxedoira.blogspot.com.es). Ademais, tamén contamos cunha clara presenza nas redes sociais (Facebook, X, Instagram e Youtube). E, por suposto, facemos uso da mensaxería instantánea a través de Telegram, informando a través da canle (@TanxedoiraInfo) e resolvendo dúbidas ou consultas con Telegram (@actanxedoira) ou WhatsApp.

    Cabe subliñar tamén que un grupo de mozos preocupados por cuestións medioambientais do noso entorno fundou xa hai anos o Grupo de Natureza Bubela, que organizaba múltiples actos: xornadas, exposicións, visualización de vídeos, excursións... Actualmente, dito grupo está inoperativo.

    A Asociación Cultural Tanxedoira celebrou durante 15 anos un Festival de Rondallas en colaboración co Concello da Coruña e a Deputación da Coruña. Nestes festivais participaban cada ano formacións de pulso e puga de toda Galicia.

    Nos últimos anos continuamos a levar a cabo un reto importante para o deporte: o deporte entre @s soci@s. Para iso empregamos as instalacións municipais do Barrio das Flores e as instalacións deportivas do Instituto Monte das Moas (a través da Consellería de Deportes). Ademais, tamén organizabamos o Trofeo de Futbito Pablo Iglesias para nenos, sempre con notable éxito. Actualmente promovemos actividades deportivas de diverso tipo, incorporando e facéndonos eco doutras disciplinas deportivas. Ademais, sempre soemos participar en aqueles eventos deportivos organizados e promovidos por outras asociacións da cidade.

    Por outra parte, a Asociación dispón dun grupo de Teatro nado no curso 2003-2004 no festival de Nadal da Asociación, en que un grupo de matrimonios e amigos deciden pasalo ben, e fan o seu debut coa obra Vecinos Ruidosos, conseguindo arrancar sorrisos do público. Desde entón, todos os anos o grupo de teatro leva a cabo a representación dunha obra en colaboración con Hogueras de San Juan, e participa tamén no Certame Anual de Teatro Afeccionado Candilejas - Don Bosco.

    Do mesmo xeito, esta Asociación e todos os seus membros están abertos a colaboracións desinteresadas con distintos colectivos (centros de maiores, Cociña económica...), entidades (Cáritas) ou persoas que así nolo fagan saber, intentando fomentar os valores que a levaron ata este punto.

    Subir