O concepto das actuacións de cantos tradicionais xurdiu aproximadamente no ano 2014. Ese ano caemos na conta de que as cancións populares galegas, rancheras, habaneras e cancións da tuna tiñan un grande éxito cando as cantabamos ao final das nosas actuacións durante os petiscos que nos ofrecían as agrupacións que nos tiñan convidado aos seus festivais. Foi precisamente aí cando nos decatamos de que era unha boa maneira de animar á xente maior que reside nos xeriátricos, polo que sería idóneo acudir a estes centros con este repertorio máis coñecido polos nosos maiores e que os transportan á súa xuventude.
Así, dende o ano de 2015, e no seo do Coro Tanxedoira, creouse unha pequena agrupación, que tamén conta con outros integrantes dos demais grupos artísticos e incluso do resto da entidade, cuxo repertorio consiste en reproducir cancións e pezas tradicionais e populares galegas, alén doutras moi coñecidas, como poden ser do repertorio da tuna, sudamericanas ou habaneras.
En xullo deste ano 2015 foi requirido para participar nun pasabares na localidade de Vimianzo ("En-cantos de Taberna"), e, posteriormente, actuou dentro do seu castelo, con motivo da festa Asalto ao Castelo
En xuño do seguinte ano 2016 tamén participou nun pasarrúas organizado polo Concello de Arteixo para recorrer as súas rúas durante as festas patronais. Neste evento tamén participaron o Coro de Xubilados e Pensionistas da Baiuca e o Coro Alcoa-Inespal.
Polo comezo do curso 2016, concretamente o 24 de setembro, esta sección do coro participou nun pasabares no barrio de Elviña organizado polos comerciantes do barrio en colaboración coa Asociación de Veciños das Paxariñas.
Xa no ano seguinte, o 16 de setembro de 2017, o grupo foi convidado pola Asociación de Amigos de Santaballa (Vilalba - Lugo).
Tamén no ano 2017 no pasarrúas das festas de Elviña, culminando a actuación nun palco colocado ao lado do Centro Cívico de Monelos e coa presenza do Excelentísimo Alcalde Xulio Ferreiro.
Desde ese entón, tamén é frecuente a asistencia deste grupo aos diferentes xeriátricos que solicitan a súa asistencia, amenizando as tardes de moitas datas sinaladas, como pode ser durante as festas do Nadal ou no final da primavera.