A Rondalla Tanxedoira nace ao abeiro da Parroquia de Santa María de Oza, en 1984, baixo a iniciativa de Xulio Loureiro González. Desde os seus comezos está enmarcada na Asociación Cultural Tanxedoira, e que antes se chamaba igual que a parroquia: Santa María de Oza. Alí comezaron por ser os acompañantes da Coral Juan Vila, ao tempo que desenvolvían a súa vocación instrumental. Tamén nesa época comezaron a mostrar os primeiros síntomas de peculiaridade artística, pois a formación incluía a frauta doce como instrumento característico da mesma.
Despois da separación da Asociación Tanxedoira da devandita parroquia, a Rondalla Tanxedoira experimenta un notable auxe en estilo, actuación e riqueza musical.
A Rondalla Tanxedoira realizou un sinfín de actuacións pola xeografía galega: no Teatro Colón e Rosalía de Castro en diversas ocasións; nos Certames de Rondallas de Padrón e Lorbé; no Festival de Habaneras da Coruña acompañando ao coro do Fogar de Santa Margarita; na praza de Pablo Iglesias, dentro das xornadas contra a drogadicción "No barrio hai alternativas"; en Baio invitados pola Asociación Cultural Adro. No ano 95 destacou a súa aparición no Teatro Rosalía de Castro convidados pola Coral Polifónica Follas Novas, nun acto de apoio aos traballadores do Hospital Militar, e na ofrenda á Patroa da Coruña.
Estivo no 150 Aniversario do Círculo de Artesáns no ano 96, e no mesmo ano na Casa da Cultura de Valdoviño. Participa desde hai anos nos Circuitos Culturais da Deputación da Coruña. Por suposto, participan todos os anos nos Festivais organizados pola Asociación Cultural Tanxedoira, coma por exemplo no Festival de Axuda a Centroamérica organizado no ano 98, para recadar fondos en prol dos damnificados polo furacán Mitch. Ademais, foron convidados en varias ocasións por outras entidades musicais, entre as que destaca a Agrupación Carlos Seijo de Betanzos no seu XX Aniversario no ano 99.
Ademais destas actuacións, hai que sumar as continuas aparicións desde o ano 1994, a través dos Circuitos Culturais que organiza o IMCE en colaboración co Concello da Coruña, en diferentes puntos da cidade herculina: Centros Cívicos Municipais, Colexio Fernández Latorre, Pavillón de Deportes do Ventorrillo, Círculo de Artesáns, Biblioteca do Estado Miguel González-Garcés etc.
Destaca da Rondalla Tanxedoira que é pioneira na organización de encontros de rondallas de toda Galiza, entre os que destaca o Festival de Rondallas Cidade de A Coruña, que a Rondalla Tanxedoira celebrou durante varios anos.
En maio de 2008 participan no acto de conmemoración do Ano Mariano Fillas de María Inmaculada, na igrexa de Santo Domingo da Coruña. En setembro dese mesmo ano actuou no festival Son de Noite, organizado pola concellería de Cultura da Coruña e levado a cabo na Praza das Bárbaras. En decembro, con motivo do XXV aniversario da agrupación fíxose unha actuación no Fórum Metropolitano que valeu para homenaxear a todos os integrantes e excompoñentes que pasaron pola rondalla.
En agosto de 2009 participa no IX Certame Internacional de Rondallas e Corais Santiago Apóstolo, organizado pola Sociedade Artística La Troya, en Ourense, no cal obtivo o terceiro premio.
En maio de 2010 actúa, xunto coa Coral Polifónica Canticorum, no centro cívico de Los Rosales e no encontro de Música Fonseca, na Coruña, levando a cabo un repertorio de música medieval e renacentista entre ambas as dúas agrupacións, algo que desenvolveran xa con anterioridade no 2009 durante a Feira das Marabillas da cidade, na igrexa de Santo Domingo. En decembro do ano 2010 deron o peche ao ciclo de actuacións que comezaran en maio en colaboración coa Coral Polifónica Coruñesa Canticorum, nun acto celebrado no Teatro Rosalía de Castro. Tamén neste mes participa no VIII Encontro de Rondallas no Centro Cultural Fontecarmoa (Vilagarcía).
En xaneiro de 2011 é salientable a participación da Rondalla Tanxedoira na inauguración do parque de Oza, requerida polo Excelentísimo Señor Alcalde Javier Losada. En xullo deste ano volve participar na Feira das Marabillas da Coruña da man coa Coral Polifónica Coruñesa Canticorum.
En 2012 a rondalla participa nun festival fin de curso organizado na Casa da Cultura de Cariño.
Tamén é conveniente salientar a colaboración con outros centros, como a parroquia da Milagrosa e a residencia de anciáns María Teresa Jornet, entre outros, ambas as dúas da Coruña, ás que soen acudir en datas festivas, como o Nadal.
No ano 2013 esta rondalla participou no XXXV aniversario da entidade, polo que a Asociación Cultural Tanxedoira realizou un encontro de rondallas no Centro Cívico dos Mallos (A Coruña), coa participación de Semente Nova e a rondalla da Casa de Aragón da Coruña. En setembro dese mesmo ano a Rondalla Tanxedoira cumpría trinta anos, polo que no mes de novembro se organizou un encontro para festexar esta efeméride coa Agrupación A. C. Rondalla Vila das Pontes e coa Asociación de Cantareiras de IAR.
En 2014 a rondalla participa nunha actuación levada a cabo no Ágora no marco do Festival de Curtametraxes "Por amor al arte". Nese mesmo ano participa no Burgo no Festival Benéfico Juan Bonal.
No ano 2015 cambia o director e, a rondalla, ademais de seguir coa súa actividade normal e aparecer nos eventos organizados pola Asociación Cultural Tanxedoira, tamén actuou nun festival de panxoliñas organizado polo Coro de Xubilados e Pensionistas da Baiuca (Arteixo) en decembro de 2014. A esta localidade voltaría en maio para realizar unha actuación no café-teatro Melandrainas.
Participou tamén en xullo de 2015 nunha actuación na igrexa de Santiago da Coruña no marco da Feira das Marabillas, en colaboración coa Coral Polifónica Coruñesa Canticorum. En decembro dese ano, ademais do tradicional concerto na igrexa de Santa María de Oza, destaca o festival benéfico en que participou o coro Tanxedoira e que se realizou coa colaboración de Cáritas na parroquia de San Luis Gozaga (A Coruña). Ao evento acudiron centos de persoas e o obxectivo era o de recadar alimentos para a xente necesitada na época do Nadal. Tamén por esas datas acudiu a Ordes para actuar na Casa da Cultura desa localidade coa Banda de Música de Ordes.
No ano 2016 volve participar no festival solidario organizado por Cáritas na parroquia coruñesa de San Luis Gonzaga, para recadar alimentos non perecedoiros. Tamén realiza unha actuación na igrexa Santa María de Oza, coa que mantén moitos actos afectivos, para celebrar a festividade do Nadal.
O 20 de maio de 2017, a Rondalla Tanxedoira foi convidada pola Asociación de Veciños Santiago Apóstolo de Lago (Valdoviño) a participar na IV Festa dos Maios.
En decembro do 2017 participa no III Festival Solidario de Cáritas. E xa no 2018, no contexto da conmemoración do XL Aniversario da Asociación Tanxedoira, participou nun certame de rondallas procedentes de toda Galiza celebrado no Centro Cívico dos Mallos. Entre estas agrupacións participaron a Agrupación Carlos Seijo (Betanzos), a Rondalla Latexos (Foz) e a Rondalla Alecrín (Ourense).
Como colofón deste acto de celebración que levou a cabo a entidade durante todo o ano 2018, o 16 de xuño deste ano destaca a actuación da Rondalla Tanxedoira no Centro Ágora, onde tamén participou a Coral Atios (O Porriño), Rondalla Nova Xeración de Barbadás (Ourense) e Os Rueiriños de San Pedro de Nós (A Coruña).
Até a pandemia derivada da Covid-19, as Rondalla Tanxedoira participou en todos cantos festivais organiza a entidade á que pertence, como poden ser o Festival de Nadal, o Festival Aniversario e o Festival Fin de Curso, todos eles levados a cabo nos diferentes centros cívicos da cidade da Coruña.
A maiores, da devandita pandemia, a Rondalla Tanxedoira seguiu a manter a súa actividade de xeito telemático, aínda que, obviamente, non levaba a cabo actuacións de ningún tipo. Mais cando as condicións sociosanitarias o permitiron colaborou nun enlace nupcial levado a cabo na parroquia da Milagrosa (A Coruña) en decembro de 2020.
Debido ás restricións sanitarias, a Rondalla Tanxedoira non puido realizar ensaios no local social da Asociación Cultural Tanxedoira, polo que a agrupación non puido retomar o seu nivel de actuacións anteriores á pandemia. De todos os xeitos, colaboraron coa parroquia do Templo de Santa Margarida (A Coruña), en cuxos locais puido realizar ensaios durante o curso 2021-2022.
En xuño de 2023 vólvese organizar un Festival Fin de Curso, no que a Rondalla Tanxedoira participa de maneira activa causando unha boa acollida entre o público asistente, como vén sendo habitual desde a súa fundación.
Na actualidade, a Rondalla Tanxedoira conta con varias persoas de de idades comprendidas entre os 13 e os 75 que comparten o seu gusto pola música instrumental, a pesar de non contar con formación musical, interpretando con frautas, bandurras, guitarras e percusión variada un amplo abano de melodías da máis variada orixe. Destaca, pois, o seu espírito altruísta e dedicación, reflictido nos magníficos resultados colleitados en cada actuación que realizan.
O repertorio que acostuman levar a cabo combina a música tradicional galega, a música sudamericana, o folclore tradicional ruso, as bandas sonoras de películas, a música tradicional napolitana, as cancións pop-rock e incluso creacións propias xurdidas dentro do seo da agrupación.
Desde marzo de 2024, cambiaron de director, estando dirixidos por Raúl Muñoz, tocando coa mesma paixón que desde os seus inicios.