O Coro Tanxedoira nace ao abeiro da Asociación Cultural Tanxedoira (por aquel entón aínda Asociación Parroquial Santa María de Oza), en 1986, baixo a iniciativa de Julio Loureiro González, como un coro infantil de voces brancas. Nesa época comezaron a amosar os primeiros síntomas de peculiaridade artística, pois a formación incluía a frauta doce, guitarras, bandurras e percusión como instrumentos de acompañamento.
As primeiras participacións artísticas déronse nos festivais organizados pola propia entidade e pola participación en concursos musicais, como a V edición do concurso de canción infantil Cantareliña, celebrada no ano 1987; ou no concurso de panxoliñas e vilancicos do Concello da Coruña, onde obtivo varios anos consecutivos primeiros e segundos premios. Tamén participou en varias edicións do certame anual de vilancicos de Follas Novas, xa como un coro infantil-xuvenil, sendo o primeiro grupo destas características en tomar parte do evento. Participa dende hai anos nos Circuítos Culturais da Deputación da Coruña, e, por suposto, participan todos os anos nos Festivais organizados pola Asociación Cultural Tanxedoira, mesmo en circunstancias extraordinarias, coma por exemplo no Festival de Axuda a Centroamérica, organizado no ano 98, para recadar fondos en prol dos damnificados polo furacán Mitch.
Tamén estivo por toda a provincia nun sinfín de actos de asociacións culturais e de beneficiencia, en residencias de terceira idade e centros como o da Cidade dos muchachos de Arteixo.
Ademais destas actuacións, hai que sumar as continuas aparicións, a través dos Circuítos Culturais que organiza o IMCE en colaboración co Concello da Coruña, en diferentes puntos da cidade herculina.
Cómpre destacar tamén a colaboración que o coro sempre leva a cabo no Nadal coas diversas parroquias coruñesas desde o ano 2008, como é o caso de Santa María de Oza ou a Milagrosa, en Elviña. Ademais, xa desde entón acudía a residencias de anciáns como Caser, na Zapateira.
En agosto de 2010 o Coro Tanxedoira participou na montaxe Dreams 2 levada a cabo no Coliseum da Coruña, onde desenvolveron até cinco funcións consecutivas.
En maio de 2012 participa no I Festival Arteixo Coral, no Centro Cívico desa localidade. Neste mesmo mes, o coro tamén viaxa a Cariño para actuar nun festival fin de curso organizado na Casa da Cultura.
En 2013 a Asociación Cultural Tanxedoira organizou un encontro de corais na parroquia de Santa María de Oza con motivo do seu XXXV aniversario. A esta cita acudiron a Coral Polifónica Coruñesa Canticorum, o Coro Infantil y Juvenil Cantabile e o Coro da Escola Municipal da Coruña.
En 2014 participa no Burgo no Festival Benéfico Juan Bonal.
No ano 2015 cambia o director e, o Coro Tanxedoira, que conta con 19 compoñentes de diferentes idades, ademais de seguir coa súa actividade normal e aparecer nos eventos e festivais organizados pola Asociación Cultural Tanxedoira, tamén actuou nun festival de panxoliñas organizado polo Coro de Xubilados e Pensionistas da Baiuca (Arteixo) en decembro de 2014. A esta localidade voltaría en maio para realizar unha actuación no café-teatro Melandrainas.
Xa no ano 2015, en xullo foi requerido para participar nun pasabares na localidade de Vimianzo ("En-cantos de Taberna"), actuando posteriormente dentro do seu castelo, con motivo da festa Asalto ao Castelo. Participou tamén nese mes nunha actuación na igrexa de Santiago da Coruña no marco da Feira das Marabillas, en colaboración coa Coral Polifónica Coruñesa Canticorum.
En decembro dese ano, ademais do tradicional concerto de Nadal na igrexa de Santa María de Oza, destaca o festival benéfico en que participou o Coro Tanxedoira e que se realizou coa colaboración de Cáritas na parroquia de San Luis Gozaga. Ao evento acudiron centos de persoas e o obxectivo era o de recadar alimentos para a xente con necesidade na época do Nadal. Tamén por esas datas acudiu a Ordes para actuar na Casa da Cultura desa localidade coa Banda de Música de Ordes. Ademais, cabe destacar as innumerables visitas que o Coro Tanxedoira sempre realiza por estas datas a residencias de anciáns repartidas pola localidade coruñesa e os seus arredores: Sanitas, Domus VI, Caser, ADCOR, Santiago Apóstol, Torrente Ballester, Residencia de Maiores de Oleiros...
En 2016 destaca a colaboración coa parroquia do Barrio das Flores, participando nas comuñóns levadas a cabo durante os meses de maio, xuño e xullo. Neste mes de xuño tamén participou nun pasarúas organizado polo Concello de Arteixo para recorrer as súas rúas durante as festas patronais. Neste evento tamén participaron o Coro de Xubilados e Pensionistas da Baiuca e o Coro Alcoa-Inespal.
Durante os seguintes anos até a actualidade, o Coro Tanxedoira segue a colaborar coa parroquia do Barrio das Flores na celebración das comuñóns, alén de acudir ás diferentes residencias de maiores da cidade e da comarca, como é o caso de Domus VI, La Obra de la Señora, Santiago Apóstol, Padre Rubinos, Ballesol, Sar Quavitae etc.
Tamén no Nadal de 2016 o Coro Tanxedoira colaborou no festival que organiza anualmente Cáritas na igrexa San Luis Gonzaga, alén de levar a cabo unha actuación para celebrar o Nadal na igrexa Santa María de Oza, tan vencellada á entidade.
O 20 de maio de 2017, o Coro Tanxedoira foi convidado pola Asociación de Veciños Santiago Apóstolo de Lago (Valdoviño) a participar na IV Festa dos Maios. O 19 de novembro do mesmo ano, esta agrupación foi convidada a un festival en Atios (Porriño) organizada pola Asociación Cultural La Guía.
Xa en decembro deste mesmo ano, destaca a participación do coro na celebración do XL Aniversario da Asociación Cultural Tanxedoira. Para conmemorar a data, a entidade decidiu celebrar un encontro de corais na igrexa da Orde Terceira (A Coruña), onde se deron cita agrupacións de toda a xeografía galega: Orfeón Xoán Montes (Lugo), Coral Polifónica de Mera (A Coruña) e Coral A Barcarola (Pontevedra).
Tamén no ámbito da celebración do XL Aniversario, o coro Tanxedoira participou co Grupo de Teatro Tanxedoira para cantar as pezas corais da zarzuela Agua, azucarillos y aguardiente, cuxas representación levouse a cabo o 17 de maio do 2018 no Centro Social Sagrada Familia, no contexto do certame de teatro organizado por Hogueras de San Juan; o 20 de maio no Centro Cívico dos Mallos, no certame teatral organizado pola Asociación Tanxedoira; en xuño no Centro Multiusos do Burgo; e o 17 de novembro do mesmo ano no Ágora, da Coruña.
Como colofón deste acto de celebración que levou a cabo a entidade durante todo o ano 2018, o 16 de xuño deste ano destaca a actuación da Rondalla Tanxedoira no Centro Ágora, onde tamén participou a Coral Atios (O Porriño), Rondalla Nova Xeración de Barbadás (Ourense) e Os Rueiriños de San Pedro de Nós (A Coruña).
Ademais, o Coro Tanxedoira participa en todos cantos festivais organiza a entidade á que pertence, como poden ser o Festival de Nadal, o Festival Aniversario e o Festival Fin de Curso, todos eles levados a cabo nos diferentes centros cívicos da cidade da Coruña.
A maiores, a raíz da pandemia derivada da Covid-19, o Coro Tanxedoira seguiu a manter a súa actividade de xeito telemático, aínda que, obviamente, non levaba a cabo actuacións de ningún tipo. Mais cando as condicións sociosanitarias o permitiron colaborou nun enlace nupcial levado a cabo na parroquia da Milagrosa (A Coruña) en decembro de 2020.
Debido ás restricións sanitarias, o Coro Tanxedoira non puido realizar ensaios no local social da Asociación Cultural Tanxedoira, polo que a agrupación non puido retomar o seu nivel de actuacións anteriores á pandemia. De todos os xeitos, colaboraron coa parroquia do Templo de Santa Margarida (A Coruña), en cuxos locais puido realizar ensaios durante o curso 2021-2022. Isto fomentou unha relación co párroco co que colaboraron ao cantar na celebración litúrxica durante as festas de Santa Margarida nos anos 2022 e 2023.
Ademais, o Coro Tanxedoira continuou a colaborar coa parroquia do Barrio das Flores ao cantar nas misas das comuñóns dun xeito ininterrumpido desde a pandemia nos meses de xuño e xullo.
En xuño de 2023 vólvese organizar un Festival Fin de Curso, no que o Coro Tanxedoira participa de maneira activa abrindo o festival, como vén sendo habitual desde a súa fundación.
Na actualidade, o Coro Tanxedoira conta con varias persoas de diversas idades que comparten o seu gusto pola música coral, a pesar de non contar con formación musical ou vocal. Destaca, pois, o seu espírito altruísta e dedicación, que se ve reflictido nos magníficos resultados colleitados en cada actuación que realizan.
O repertorio que acostuman levar a cabo combina a música tradicional galega, a música sudamericana, as bandas sonoras de películas, as panxoliñas, as cancións pop-rock, música medieval, música clásica e incluso creacións propias xurdidas dentro do seo da agrupación.
Desde marzo de 2024, o coro está dirixido por Raúl Muñoz retomando no repertorio pezas míticas da entidade que levaban anos sen ser cantadas.